Monte e mar. Baixamos polo carreiro da Granxa!

Hoxe meu pai foi a un monte que ten na Burneira, na zona da Granxa, e Pancho e mais eu aproveitamos para acompañalo e ver se dábamos coa baixada ó río polos cantís, ó que lle chamamos o Carreiro da Granxa.

Non foi o único que ía para o monte. No lugar de Fermil (outra das aldeas que están nas faldas do monte Burneira) deixamos a outro veciño que tamén ía para o seu.

Imaxe

As vistas dende Fermil son espectaculares. Vemos a praia de Vilarrube o os dous ríos que desembocan en cadanseu extremo. Pola banda de Pantín faino o Forcadas (chamado Ferreira no cartel que está na ponte de Vilarrube, ainda que nós lle chamamos alí Ferrerías, como o lugar, nome que lle ven polas ferrerías que efectivamente alí houbo moitos anos atrás. E chamado Alfuníl en Pantín, que lle ven polo alfolí de sal do que aínda quedan as ruínas perto da desembocadura). E pola outra banda desemboca o río das Mestas, que logo de pasar baixo a ponte medieval de Porto do Cabo e por outras mais modernas no Puntal, forma un esteiro (que dá nome a unha parroquia) antes de desembocar na ría de Cedeira.

Imaxe

Imos chegando ó monte e deixamos ó meu pai cos seus trafegos.

Imaxe

Imaxe

O Pancho e mais eu imos na procura da baixada pola Granxa, pero como recentemente se tirou madeira nesos montes e os camiños están algo descoidados, misturándose coas pistas abertas para sacar madeira, despistámonos e non atopamos o carreiro á primeira. Contentámonos de tódolos xeitos, ollando cara a praia. Temos unhas fermosas vistas ante nós.

Imaxe

Decidimos aproximarnos ós cantís para tirar unhas fotos esquivando as árbores e así, de xeito casual, fomos bater co camiño ¡Que ilusión! Non estaba alí dende que era nena, e tiña as miñas dúbidas sobre se seguiría existindo.

Imaxe

Ó comezo da baixada había uns escarabellos peludiños (tropinota hirta) aproveitando o pole dunhas margaridas silvestres.

Imaxe

Imaxe

Imaxe

Ollamos para a praia dende o alto do cantíl.

Imaxe

Imaxe

E comezamos a baixar polo Carreiro da Granxa.

Imaxe

Non é camiño para torpes, pero é bastante mais azoso que outras baixadas que atopamos para acceder a pesqueiros ou peiraos na Chirlateira.
É moito máis dura a subida polo monte ata a estrada que baixar este anaco de cantil (ou polo menos a min parécemo). Tiven bastante tempo certo reparo a baixar por aquí, pero non pola súa dificultade, senón porque nunha das incontables veces que baixei sendo nena, apareceu unha cobra no camiño e pilleille certo respeto ó lugar.

Imaxe

Baixei tantas veces coa miña nai! Iso era cando iamos mariscar. A praia de Vilarrube por aquel entón era de libre marisqueo, ainda non se tiña regulado como na actualidade, e calquera podía baixar á praia mariscar. As mariscadoras do lado de Pantín baixábamos ás veces polo carreiro que leva ó alfolí, pero outras veces preferiamos baixar por aquí. De tódolos xeitos había que cruzar o río, que só se pode facer (a non ser nadando ou en lancha) cando está a marea baixa, que por outro lado, é cando se vai mariscar.
Eu era ben pequena e, obviamente, para min aquilo era un xogo e non un traballo, pero gustábame levar o meu cestiño (que ademais era feito polo meu pai) e a fouciña retorcida típica que se usa para mariscar. Ainda me lembro do “toc” “toc” que facían as navallas ó bater coa fouciña cando raspetaba na area. En realidade son coquinas o que se dá na praia de Vilarrube, pero nós aquí sempre lles chamamos navallas. Ás veces tamén iamos á zona de Esteiro para coller berberechos, pero aquilo xa era con rastrelo.
Eu dáballe o meu xeito, pero a miña meta só era facer para mercar un xeado ¡como non! jajaja
As “navallas” que colliamos por aquel entón, levábanse para a casa ou se vendían a quen as comprase, que polo xeral eran os de Casa Caneiro, que as servía (e segue a facelo a día de hoxe, así como percebes, mexilóns, e outros mariscos) ós turistas.
Cando levaba a miña “lancha” (cesto) medio chea, preguntáballe á miña nai “¿Daráme para un xeado?” E ela dicíame que si. Eu deixaba o cesto alí pousadiño e marchaba bañarme nas pozas, facer buracos na area ou calquera cousa de nenos. Lembro que me gustaba moito buscar esqueletes de ourizos, que antes aparecían na praia moitísimo mais que na actualidade.

Imaxe

Logo veu a etapa na que se regularizou o tema do marisqueo, as mariscadoras fixeron cursos, obtiveron un carnet e ainda que eu xa non ía mariscar, ás veces acompañaba á miña nai e vía como agora había unhas cribas para peneirar as navallas e que caeran as mais pequenas na praia (antes descartábanas as mulleres; cando remataban de apañar, botaban un anaco escollendo nelas, pero certamente non habia unha medida mínima, senón que ía a ollo, coa chegada das cribas, ademais de coidarse o tamaño, tamén se escollían mais rápidamente).

Imaxe

Pancho recúa porque as ondas baten nas pedras e tíranlle escuma.

E hoxe, como nos cadrou a marea chea, non imos poder cruzar o río, nin sequera pasear pola beira pantinexa, así que botamos un anaco simplemente observando a paisaxe.

Imaxe

Imaxe

Imaxe

Imaxe

Imaxe

Imaxe

Buscamos unha pedra bonita para levar de lembranza e despedímonos ata a próxima vez que se nos dé de baixar, agora que xa atopamos o camiño.

Imaxe

Advertisements

Qué me contas?

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s